Cigosidade

A cigosidade ou cigose é o grao de semellanza dos alelos dun xene dun organismo diploide. Os organismos diploides teñen cada xene repetido, xa que teñen un nun cromosoma e outro no seu cromosoma homólogo. Os xenes preséntanse en variantes chamadas alelos. Os termos homocigoto, heterocigoto, e hemicigoto utilízanse para describir o xenotipo dun organismo diploide nun determinado locus. Poden darse as seguintes circunstancias:

  • Se os dous alelos que ten o individuo para ese xene son iguais, o individuo é homocigoto[1] para ese xene.
  • Se os alelos dese xene son distintos o individuo é heterocigoto para ese xene.
  • Se un dos alelos se perde e ao individuo só lle queda o outro, dise que é hemicigoto.
  • Se se perde a funcionalidade de ambos os alelos, o individuo é nulicigoto.

A secuencia de ADN dun xene adoita variar dun individuo a outro. Estas variacións orixinan os alelos. Mentres que hai xenes que teñen un só alelo porque presentan unha baixa variación, outros teñen un só alelo porque só ese alelo funciona axeitadamente. Calquera variación da secuencia do ADN dese alelo pode ser fatal para o embrión, e o organismo non sobreviviría ata o nacemento. Pero estes son casos minoritarios, porque a maioría dos xenes teñen dous ou máis alelos. A frecuencia con que aparecen na poboación os diferentes alelos é variable. Algúns xenes teñen dous alelos con igual distribución. Noutros xenes, un dos alelos pode ser moito máis común, e o outro ou outros pode(n) ser moito máis raro(s). Ás veces, un alelo causa unha enfermidade xenética e o outro non. Ás veces, as diferenzas que presentan os alelos non orixinan ningunha diferenza no funcionamento do organismo.

Nos organismos diploides, un alelo hérdase do pai e o outro da nai. A cigosidade é unha descrición de se eses dous alelos son iguais ou distintos, é dicir, se as súas secuencias de ADN son idénticas ou non. A "cigosidade" pode aparecer referida a un carácter, un xene, un cromosoma [2], unha célula ou un individuo.

En xeral, cada xene determina un carácter, aínda que tamén hai caracteres determinados pola acción de varios xenes ou hai xenes que inflúen en varios caracteres. Para saber como se herdan os caracteres xenéticos e a súa manifestación fenotípica é importante saber que alelos leva o individuo para ese carácter, se están en homocigose ou heterocigose, e que relación de dominancia hai entre eles (dominancia completa, parcial, herdanza intermedia, codominancia).

  1. Definición de homocigoto no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Carr, M.; Cotton, S.; Rogers, D.; Pomiankowski, A.; Smith, H.; Fowler, K. (2006). "Assigning sex to pre-adult stalk-eyed flies using genital disc morphology and X chromosome zygosity". BMC developmental biology 6: 29. DOI:10.1186/1471-213X-6-29. PMC 1524940. PMID 16780578. [1].

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy